Historias LGTB de regalo: suxestións de integrantes do club de lectura

Grazas por acompañarnos neste ano 2024!

Cada libro, cada visita e cada actividade compartida fixo que todo pagase a pena.

Desexamos que o novo ano veña cheo de novas lecturas e aprendizaxes!

Se aínda non te decidiches polo agasallo perfecto para este Nadal, aquí vai a proposta que che fan integrantes do club de lectura QUEERuña: “Historias de regalo“. Unha guía chea de suxestións de lecturas para todas as idades, deseñada con moito agarimo polo persoal bibliotecario.

Vémonos no 2025 con máis libros e momentos compartidos!

Tres mulleres para un trimestre e tres grupos

Imos cumprir o primeiro mes de coexistencia dos tres grupos de lectura do club QUEERuña e queremos presentar aquí as tres autoras que ocuparán as vindeiras reunións.

María Reimóndez (Lugo, 1975) é unha moi prolífica muller galega, grande amiga do club, que publicou o seu primeiro libro no ano 2002 (o poemario Moda galega). Desde ese momento sucédense case unha trintena de publicacións e múltiples premios. Novela, poesía, ensaio, contos infantís; creación, tradución… nada se lle resiste a esta prodixiosa muller que participou tamén en diversas e variadas obras colectivas.

De seguro coñeces Bárbaras, Cobiza, Furia, Multitudes, Desde o conflito, O club da calceta ou a recentísima Retorno, que vén completar a triloxía os_seres_completos. Mais imos intentar traerche aquí algunha recomendación dunha faceta súa, quizás, menos coñecida e que, se che presta, podes consultar nas @bibcoruna: 

  • Cociñando ao pé da letra: entra na literatura galega…ata a cociña (Galaxia, 2011). Unha curiosísima e orixinal proposta, a medio camiño entre a literatura e a cociña, coordinado pola poeta Yolanda Castaño e a fotógrafa Andrea Costas. Nel verás (e lerás) a María entre fariña, ovos e viño doce facendo unhas gorentosas Rosquillas de xerez.
  • O meu avó e o queixo (Alvarellos, 2020) un conto infantil escrito por ela e ilustrado por Vanesa Álvarez. Unha historia que mistura afecto, humor, gastronomía e ilustracións inspiradas en graffitis urbáns. O amor común deste avó e a súa neta: o queixo, o queixo de Galicia e do mundo.
  • a recente tradución que fixo cara o galego de A linguaxe das plantas: os seres máis fascinantes do planeta (Baía, 2022). As plantas nin andan nin falan pero estás segurx de que non reaccionan cando as arrincamos ou cortamos? Con este libro poderás descubrir o seu interese polo mundo que as rodea e os xeitos que teñen para se comunicar con outras plantas.

Tras unha vida indómita como artista pop (deseñadora, cantante e dj) e activista LGTBQI+, Roberta Marrero (Las Palmas de Gran Canaria, 1972-Madrid, 2024) non pedía tanto, só unha foto de primeira comuñón co seu vestido de princesa. Coñecida pola súa traxectoria reivindicando os dereitos das persoas trans e do resto do colectivo LGTBQI+ (ese símbolo, +, para ela significaba non deixar a ninguén fóra), Marrero tivo tamén unha interesante produción no eido da creación literaria.

De feito, no club Queeruña coñecímola mercé á súa banda deseñada “El bebé verde”, onde relata a súa autobiografía empezando por dous sucesos que a marcarían toda a súa vida: naceu verde porque, segundo conta, tragou “cosas que las mujeres expulsan al dar a luz” e, ao vela, todo o mundo dixo: “É un neno”. Pero era unha nena.

Non obstante, alén desa incursión no terreo ilustrado, Roberta Marrero cultivou a poesía. Unha poesía tan indómita e petarda (no sentido máis rebelde e pop do termo) como ela mesma.

Nas nosas bibliotecas falta por chegar aos andeis esa poesía salvaxe e tenra a un tempo (como “Todo era por ser fuego” ou “Derecho a cita”), pero si atopamos, ademais do devandito “El bebé verde”, colaboracións súas no CD “Música para una boda gay” ou no libro de artigos “El tercer sexo”, que aborda a realidade do colectivo de persoas transexuais. Tamén podes descargar desde a plataforma Galicia Le a súa obra “We can be heroes: una celebración de la cultura LGTBQ+“.

Que contar da obra de Teresa Moure (Monforte de Lemos, 1969) que non se conte por si soa? Lingüista e literata, alén de comprometida co movemento feminista e LGTB nos seus ensaios e escritos, Teresa Moure recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria, entre os que se atopa a XI Edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación por “Com A de linguistA”, en 2020. Dirixe desde 2022 o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela.

Sabemos que por isto que vos adiantamos sobre ela, así como porque no club Queeruña subimos ao noso andel “Unha primavera para Aldara” e puidemos falar xa da autora e dos temas que van confluíndo en todas as súas páxinas en prol dun compromiso activo coas diversidades.

Pero, de entre toda a súa ampla obra, que na súa maioría podes atopar nas bibliotecas, que destacariamos, para empezar?

  • Herba Moura. Se non a liches, tes que facelo, porque é a obra máis coñecida e talvez a máis premiada e traducida da autora. Nela, Einés Andrade escribe a súa tese de doutoramento sobre dúas mulleres, a raíña Cristina de Suecia e Hélène Jans, e da relación amorosa de ambas co filósofo René Descartes.
  • Sopas New Campbell. É unha novela arriscada onde se deixa entrever a temática da saúde mental.
  • Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións (Galaxia, 2012). Con esta obra, a autora acadou o Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011. Pouco máis que dicir: o subtítulo xa nos descubre que podemos atopar no interior do volume. E semella que pinta ben…

Volve o club de lectura @queerunha e chega xa á súa novena edición

Se queres formar parte dos grupos de lectura QUEERuña apunta no calendario esta data: o 9 de setembro ás 10h abrirase o período de inscrición para os dous grupos, que poderás facer en liña ou presencialmente en calquera das bibliotecas.

inscricións desde o 09/09

O club organízase en dous grupos diferenciados, con reunións mensuais ás 19h na Biblioteca Ágora:

  • Grupo 1: o segundo xoves de mes,
  • Grupo 2: terceiro xoves de cada mes.

As lecturas serán idénticas nos dous grupos e faranse, por norma xeral, cun mes de diferencia. Haberá tamén lecturas e reunións conxuntas en formato dixital.

21 de marzo, Día da POESÍA+: “Quero que lembres os bos tempos xuntas”

21 de marzo día da poesía Luísa Villalta

Temos que empezar este artigo cun nome: SAFO. Porque é a primeira poeta da historia da que coñecemos o nome. Porque viviu aproximadamente no século VI antes de Cristo na Grecia antiga e sendo muller deixou pegada na historia. Porque escribiu lírica de tal calidade que Platón dixo dela que era a décima musa. Porque esa lírica, da que conservamos fragmentos, apuntaba ao amor entre mulleres. Porque Safo, ademais da primeira poeta, poida que sexa tamén a primeira muller lesbiana ou bisexual coñecida na historia polo seu nome. Safo. Safo de Lesbos. Safismo. Lesbianismo. Ou pensabas que eses termos creáranse da nada? Eses termos existen porque Safo existiu, e aínda existe nos poucos fragmentos que conservamos da súa obra. E de Safo é o subtítulo que encabeza este artigo: Quero que lembres (…) os bos tempos xuntas.

A partir de Safo, podemos atopar un ronsel de poetas que cultivaron amores diversos ao longo da historia e que o reflectiron na súa obra. Como exemplo deles, está a magnífica antoloxía Campo de plumas: poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, escolma e tradución do tamén poeta Jesús Castro Yáñez, que limos e analizamos no club QUEERuña, obra sobre a que tivemos o pracer de conversar co propio Jesús Castro. Con todo, non foi a única POESÍA+ que puidemos apreciar nas lecturas do club Queeruña, por onde tamén pasaron obras de Gloria Fuertes, Andrea Nunes, ou Ismael Ramos.

E de Safo a Rosalía, pois, como descubrimos da man de Carlos Callón e o seu manifesto “O amor pola patria galega” este último 23 de febreiro, día da musa do pobo galego, “diversas formas de amar e de vivir a sexualidade (o que hoxe chamamos LGBTQ) sobardaban as censuras” nos seus versos, e vai un exemplo empregado polo propio Carlos Callón (de quen, por certo, tamén compartimos lectura QUEERuñeira).

Solo a virxe é máis hermosa
que eres ti, bendita santa,
i o teu rostro pelegrino,
o temido demo espanta.

De ti, vivo namorada,
en ti penso con fervore.
Que eu ben sei que che contenta
este puro e santo amore.

Quen poidera...! Quen poidera...!
Xunta ti vivir segura,
manantial que mel derrama
pura fonte de ternura!

Chegado o noso presente, resulta máis doado atopar poetas e poesía de afectos cuir e LGTB+, incluso aproximándonos a este recanto da Iberia onde falamos galego: xunto a quen xa amentamos, como Andrea Nunes e Ismael Ramos, podemos atopar a María Reimóndez, María Xosé Queizán (tamén xa QUEERuñeiras), Antón Lopo, Mario Regueira ou Lucía Aldao.

E se buscas expresar os teus sentimentos á túa namorada, namorade, namorado ou namoradis, sexa cal sexa a terminación dese afecto (ou desa paixón, que igual o termo afecto fícanos un algo frío), sempre podes identificarte nos versos das obras que gardamos como diamantes do aesthetic (por que non aplicar o palabro tan de moda á literatura?) nos nosos andeis.

Podes atopar +poesía con ingrediente LGTB+ na seguinte ligazón ao noso catálogo!

E que no Día da Poesía non falten a beleza e a paixón cuir e diversa, e sempre lembremos, como Safo, “os bos tempos xuntas”.

Un salto da escrita ao audiovisual: o club de cine volve ás bibliotecas

Xa está aquí unha nova programación do club de cine das bibliotecas municipais que, nesta ocasión, terá lugar o martes 19 de marzo, luns 15 de abril e martes 28 de maio.

As bibliotecas facilítanche o acceso en streaming ás pezas cinematográficas seleccionadas, que deberás visualizar (en compañía ou en solitario, aí xa non nos metemos) e asistir despois ao encontro co resto de persoas onde o xestor cultural Mon Rivas dinamizará o debate usando distintos cortes da película e debullando distintos aspectos sobre as realidades do colectivo LGTB.

Que é o club de cine?

O club de cine é un espazo de entontro para persoas interesadas en debater e analizar pezas cinematográficas (seleccionadas e facilitadas polas bibliotecas na plataforma eFilm Coruña).

Como participar no club de cine?

  1. Faite socix da biblioteca
  2. accede á plataforma eFilm Coruña,
  3. visualiza a película seleccionada antes de cada un dos encontros,
  4. acude á reunión na biblioteca

Deixámosche información máis detallada aquí:

O cine queer ten o seu sitio: o cineclub

Nace na Rede de bibliotecas municipais da Coruña o cineclub, un espazo de encontro para persoas que se reúnen na biblioteca para debater e analizar pezas cinematográficas ou documentais dispoñibles na plataforma gratuíta de streaming que as bibliotecas poñen a disposición das súas socias e socios.

As bibliotecas facilitan gratuitamente o acceso aos contidos en streaming desde a plataforma eFilm Coruña e os encontros, que requerirán inscrición previa, serán conducidos polo xestor cultural e programador Mon Rivas.

O ciclo actual, que xira en torno ás realidades de mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais, consta de tres sesións que se desenvolverán os terceiros martes de mes:

Informe e enquisa de opinión sobre As municipais entenden

O orgullo atravesa o noso labor diario. 

A iniciativa As municipais entenden deixou xa hai tempo de ser unha iniciativa, un impulso a unha nova e necesaria forma de facer, e pasou ser unha metodoloxía, unha dinámica e cultura organizativa que hoxe é xa habitual e impregna cada cousa que facemos. 

É tempo de analizala e mostrala. Elaboramos un informe descritivo dos seus principais eixes de traballo e da súa situación actual. Trazamos tamén varias liñas de futuro mais queremos contar contigo para saber que opinas dela e do próximo camiño que debe percorrer. Entra no formulario e coméntanos.

“A defunción dos sexos” de Daniela Ferrández Pérez

“A defunción dos sexos” é unha obra que fai un percorrido polas vidas de persoas que viviron en Galicia e que tiverón que sufrir a persecución ou a represión debido as suas orientacións sexuais. O libro non só trata esta realidade que viviron estas persoas dende o siglo pasado ata actualidade, senón que fai fincapé tamén en todos os movementos que houbo en Galicia para que a orientación sexual destas persoas non volvera a ser perseguida nin reprimida.

A súa autora Daniela Ferrández Pérez é Doutora en Historia cuxa obra está moi vinculada co colectivo LGTBI+, destacando libros colectivos coma “Historiar o trans” ou publicacións en revistas científicas coma o artigo ““O impacto da crise sanitaria nxs menores e adolescentes trans”. Ademais é un persoa fortemente vinculada co momevemento LGTBI+.

O título desta obra fai referencia a un artigo do periodista de Antonio Zoraya publicado no ano 1921, no que menciona que “a dexeneración da moral, o traspaso desa liña, non era outra cousa que a defunción dos sexos”, sentencia que ilustra o pensamento da sociedade galega naquela época. A obra fai un percorrido histórico sobre a desidencia sexual en Galicia, dunha forma amena aportando diferentes documentos arquivísticos e periodísticos que axudan a comprender a realidade que tiñan que vivir as persoas LGTBI+ no pasado en Galicia.

En función das características deste libro o noso Grindr bibliotecario atopou os seguintes matchs. Botadelles un ollo, quizais algun deles convertase no voso próximo libro favorito 😉

A continuación, os títulos dos libros recomendados, para que vos sexa máis sinxelo atopalos.

Se queredes tamén podedes acceder ao noso catálogo para atopar obras do voso interese.

“Corres como una niña : el género y la diversidad LGTBI en el deporte” de David Guerrero.

“Corres como una niña: el género y la diversidad LGTBI en el deporte” é un ensaio no que se desmontan varios estereotipos de xénero moi arraigados no mundo do deporte. Algúns destes esteorotipos van dende crenzas de que hai deportes para homes e deportes para mulleres, ou que de dependendo da súa orientación sexual unha persoa pode ser mellor ou peor na práctica dun deporte.

Ao longo deste libro o seu autor David Guerrero desmentirá estos estereotipos a través de diversas entrevistas que realizou con deportistas que tiveron que facer fronte a estos clichés, entre eles encontramos deportistas coma Pau Ribes, Alba Palacios, Víctor Gutierrez, Sara Pelaez, María José Martínez Patiño ou Paloma Río.

David Guerrero é un activista en defensa da igualdade, ademais de ser o presidente da asociación “Deporte y Diversidad” e asesor na “Real Federación Española de Atletismo” e na “Fundación Pedro Zerolo” en temas de igualdade de xénero. Nesta obra trata estos temas dunha forma moi dinámica que fai deste libro unha lectura entretida e a vez moi instructiva, tratando temas tan en boga na actualidade como a suposta superioridade dos deportistas transexuais ou a segregación do deporte por xénero. Ademais contén un glosario é un directorio de entidades deportivas LTBI inclusivas, que facilitan unha información extra as persoas que queiran profundizar neste tema.

O noso Grindr bibliotecario os seguintes matchs, dadelles unha oportunidade!! 😉

A continuación o listado de libros recomendados para que non vos perdades ningún título.

Se queredes tamén podedes acceder ao noso catálogo para atopar obras do voso interese.

“Tengo miedo torero” de Pedro Lemebel

“Tengo miedo torero” foi a primeira novela publicada por Pedro Lemebel, nela relata a relación de duas persoas que se coñecen nunha vivenda ruinosa onde organizanse reunións clandestinas para derrocar a Augusto Pinochet. A planificación do atentado contra o dictador e a relación entre o dono da casa e un rapaz do Frente Patriótico Nacional, van a par do día a día da vida de o dictador Pinochet e a súa esposa Lucía, entremezclandose as súas vidas ao longo do libro.

A obra é de carácter autobiográfica segundo indica o autor nas primeiras páxinas desta novela. Nela describe a sociedade chilena nun momento crítico na súa historia, un momento de rebelión contra a dictadura de Pinochet, que non chegou a fructificar co intento de atentado frustado. Esta novela reflexa eses duros momentos vividos en Chile que separou moitas vidas.

O seu autor Pedro Lemebel moi vinculado co arte e a literatura, foi un opositor contra a dictadura de Pinochet, mostrando a súa repulsa contra o seu goberno a través da sabotaxe de moitos actos públicos. A súa obra moi relacionada co cine e o teatro, recibiu varias nominacións Altazor, sendo a máis importante nominación a do Premio Nacional de Literatura de Chile no ano 2013.

O noso Grindr Bibliotecario estableceu os seguintes matchs con este título. Non dubidedes en botarlles unha ollada 😉

A continuación, os títulos dos libros recomendados, para que vos sexa máis sinxelo atopalos.

Se queredes tamén podedes acceder ao noso catálogo para atopar obras do voso interese.