Tras o artigo descubríndovos ó autor da nosa vindeira lectura, toca que tratemos o libro en si, non? O edificio Yacoubian é a novela árabe contemporánea máis lida, e de feito obtivo o galardón nacional da literatura árabe, o Bashrahil. A obra foi traducida a máis de trinta linguas, entre elas o galego, convertíndose na primeira novela árabe na nosa lingua.
O éxito deste libro, centrado na vida de distintas personaxes que representan unha amalgama de sentimentos, clases e desexos da sociedade exipcia, ven sendo a versión cairota de La Colmena de Cela, e o seu éxito foi tal que tivo adaptación ó cinema no ano 2006.
A novela retrata un Exipto que muda tras a Revolución do ano 1952 coa abdicación do rei Farouk. Vemos, a través das súas personaxes, signos da aristocracia que perdeu poder e ansía recuperalo, e a loita das persoas empobrecidas polo réxime que procuran unha vida mellor na azotea do edificio Yacoubian, símbolo á súa vez da gloria e máis da decadencia do Cairo. Ese Yacoubian, no que hai inmensos despachos case baleiros e esa azotea ateigada de soños e frustracións, na que a vida resulta case máis dura que na rúa, pero na que se pode vivir baixo un teito, aínda que estea a caer enriba…
Poderíase dicir que o edificio é case protagonista principal da obra, e as súas personaxes, as arterias polas que circula o seu sangue e nas que deixa pegada a súa impronta. Simboliza a grandeza dunha época sobre a que está a caer o peso dunha sociedade que xa cansou, que busca alternativas ben a través da violencia e os sentimentos relixiosos ou ben mediante o capitalismo e individualización.
A novela alterna fragmentos nos que vai amosando todo un mosaico de personaxes que se van cruzando, mesturando, e que comparten, no fondo, os mesmos desexos de medrar e prosperar. Grazas a cada un/ha, imos tratando distintos aspectos: a visión sobre a homosexualidade -masculina-, o peso do xénero especialmente sobre a muller, a prostitución, a relixión, o terrorismo e mesmo a corrupción. Se ben hai bastante desequilibrio na narración biográfica, a lectura resulta áxil e case ela mesma desenvolve unha narración moi audiovisual.
Non queremos desvelar moito máis desta obra que analizaremos o vindeiro 24 de maio ás 19h na biblioteca do Ágora. No noso próximo post trataremos os eixes de debate, e para o día do encontro plantexaremos unha profunda análise psicolóxica de todas as personaxes, xa que teñen moito do que tirar! Deica!
