Resta menos dunha semana para o noso encontro mensual -o previo antes do Orgullo! Nervios! Tensión!- e o correspondente comentario sobre a novela O edificio Yacoubian. Se hai alguén perdidx na sala, aquí tedes o post que dedicamos ó autor e aquí o que trata o contexto da obra. Pois ben, nestes días previos toca poñer sobre a mesa algúns dos temas que trataremos na biblioteca do Ágora.

Desta vez a dinámica será ir dando resposta a unha serie de claves da lectura para desgranar os distintos fíos argumentais e, posteriormente, a modo de xogo, relacionaremos ás personaxes e identificarémolas mediante citas ou atribucións… Porque alomenos contabilizamos trece! Velaquí as cuestións:
- Quen é a personaxe protagonista? Ou temos máis de unha?
- Cal é a/o vosx favoritx? Con quen sentíchedes máis empatía?
- Quen é a personaxe máis oprimida? Ou falamos tamén en plural?
- Son víctimas da sociedade, das súas circunstancias… Ou de eleccións persoais?
- Que desenlaces temos para cada personaxe? Quedou algunha historia aberta ou incompleta ó voso parecer?
- Cal é a visión do amor que se amosan nas distintas relacións que se describen na novela?
- Como se reflicte a homosexualidade na obra? E a heterosexualidade?
- Que lectura facemos da personaxe de Hatem? É un triunfador ou un oprimido?
As respostas, xa sabedes… no vindeiro mércores 24 ás 19h na biblioteca do Ágora. Contamos contigo para o encontro e as cañas posteriores pretiño da biblio?
