Como imos, queeruñxs? Seguro que moitxs case rematando a nosa vindeira lectura, Ten o seu punto a fresca rosa. As páxinas da novela pasan sen darnos conta con este trepidante relato ambientado no Vigo dos anos oitenta, cunha maxistral descrición dos espazos e as paisaxes.
Esta novela, antepenúltima das publicadas pola autora, fía as vidas de tres mulleres e do seu universo próximo, no que ningunha personaxe secundaria resulta accesoria. En canto ás protagonistas, Queizán foi quen de representar personalidades de distintas idades, condicións socioeconómicas e de diversas sexualidades, das que mesmo co libro xa pechado poderíamos considerar os pareceres delas respecto a case calquera tema. Tal é a maxistral labor de María Xosé Queizán na elaboración da psicoloxía de cada voz que rexistra na súa obra.

Xa faláramos no post anterior do interese de Queizán en deixar pegada de cuestións de xénero e do feminismo na súa obra. Ten o seu punto a fresca rosa pode ser a meirande mostra destes aspectos, pois as protagonistas poñen enriba da mesa a maternidade, o autodescubrimento do corpo, a sexualidade e a liberación da muller nos anos oitenta. Temas, todos eles, que desde esa visión en retrospectiva aínda teñen vixencia. Aínda a día de hoxe presentan diversos enfoques que de seguro trataremos no encontro do mércores 20 de decembro.
Non queremos adiantar moito máis da obra, que os spoilers saen a nadiña! A poucas páxinas estamos abrindo desenlaces das tramas amosadas por Queizán… Así que teredes que agardar a que na vindeira semana compartamos unha proposta de temas para debatir e poñer en común esta novela que parece que nos está engaiolando a todxs! Chiámonos no Twitter? 😉
