Boas, queeruñxs! Estamos a dúas semanas do noso encontro mensual, que en febreiro centraremos en Elisa e Marcela, a obra histórico-documental destas dúas mulleres bravas que casaron en 1901.
Desta vez queremos achegarvos toda a repercusión que obtivo este libro, publicado en 2010. Primeiramente, en 2011, o espazo de exposicións NORMAL dedicoulle unha mostra á parella, conformada por unha revisión documental e artística na que participou o propio autor, Narciso de Gabriel. Esta mostra e a publicación do libro deron de si numerosas reportaxes en prensa rexional e nacional, ao igual que aconteceu en 1901.
Tiveron que pasar 5 anos para que o Concello coruñés decidira propoñer dedicarlles unha rúa no mapa da cidade, e no pasado Nadal, Elisa e Marcela formaron parte do particular Belén municipal, onde tamén aparecen insignes figuras herculinas. Unha anécdota que sen dúbida axuda á integración da diversidade sexual na Queeruña.

Hai uns días tamén buliu unha nova que agardábamos desde que hai uns anos Isabel Coixet anunciara que andaba traballando nun guión sobre a historia da parella. Finalmente, confírmase: haberá película delas, e posteriormente formará parte do catálogo da plataforma audiovisual Netflix. E isto tendo en conta que a aposta será feita por unha das grandes directoras do cine español, absoluta gañadora da última edición dos premios Goya!
E do cine ao teatro, pois ata xuño tedes a oportunidade de deleitarvos coa revisión teatral que fai a compañía A Panadaría en varias localizacións en territorio galego. Moitxs dxs queeruñxs xa temos visto a obra e recomendámola sen lugar a dúbidas! Mesmo pode que vaiamos repetir seguindo a xira desta proposta humorística, tenra e activista.
Vaia, como vedes, a nosa lectura do mes non pode estar máis de actualidade. Como o levades? A estrutura, formada polo relato histórico, o repaso documental pola prensa e as actas xudiciais e a interpretación do acontecido desde prismas de xénero e feministas de seguro que nos dan para unha boa conversa no vindeiro mércorees 21 de febreiro ás 19h. Vémonos no recuncho dos clubs de lectura do Ágora!
