Ao tempo que se implementan todos os protocolos de seguridade para que iniciativas como o Observatorio coruñés contra a LGTBIfobia ou a “Liña arcoris” da Federación estatal LGTB sigan a funcionar con normalidade na súa atención a persoas do colectivo durante a alerta sanitaria, son múltiples as iniciativas lanzadas por editoriais, bibliotecas, colectivos, artistas… que queren facernos este confinamento máis levadeiro.
A pesar da tristísima nova da cancelación de Eurovisión que nos vai ter dous anos (dous anos!) sin a cita musical por excelencia, non hai tempo para aburrirse. Entre foto e foto que vaias subindo sobre a túa #QUEERentena, podes conectarte a calquera destas accións.

Les Coruña organiza no seu IG unha sesión poética virtual con Yolanda Castaño á que, non cabe dúbida, asistiremos coa mantiña nas pernas. Será hoxe ás 19h.
A editorial Astiberri puxo en marcha a iniciativa “Astiberri en pijama“, un ciclo de charlas con autores e autoras que terán lugar entre o 20 e o 31 de marzo. Recomendamos a do día 31, con Nadar, autor do cómic “El mundo a tus pies” (cómic que, cando reabramos as bibliotecas, poderás levar en préstamo).
O Festival cultural LGTBi+ Salgo del armario pero no de casa leva desde o xoves cunha potente programación. Hoxe, sábado 21, desde as 11h terán directos para concertos, presentacións de libros, recitais poéticos, etc.
A editorial Amor de madre activa a Radiocuarentena, os luns, mércores e venres de 17 a 18h a través de IGTV e Youtube onde reunirán a autoras e autores para falar da actualidade en torno ao LGTB e os feminismos.
O II Encontro de literatura lésbica veuse suspendido, mais nada lles impediu achegarnos esta literatura ás nosas casas a través da iniciativa #JuevesLiterarios.
Desde febreiro existe un grupo de xente que comenta libros por IG. É o club de lectura Bookake.
E para as máis creativas (eu aquí xa me retiro), o Bloque bollero madrileño propón a creación dun Fanzine con relatos, poemas, cómics, ilustracións…
Coñeces algunha convocatoria interesante? Non queremos perdernos nada!
