Hoxe no noso Grindr Bibliotecario presentámosche “Amigos e sodomitas: a configuración da homosexualidade na Idade Media”, un ensaio de Carlos Callón, político e profesor ribeirense, no que fala de que, a pesares do que se pode pensar inicialmente, nos primeiros mil anos de historia do Cristianismo as relacións homosexuais estaban desposuídas de calquera connotación negativa, e incluso estaban ben vistas pola sociedade. Isto durou ata a configuración do pecado-delito da sodomía, que trouxo consigo a intolerancia radical e a persecución das mesmas.

Publicado no ano 2011 pola editorial Sotelo Blanco, este ensaio en galego considérase un dos estudos mais interesantes sobre o homoerotismo medieval en terras hispánicas, e por iso foi galardoado co Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e co Premio Fervenzas Literarias ao mellor ensaio no ano 2011. Carlos Callón analiza nel numerosos textos do trobadorismo galaico-portugués, pero tamén outros textos casteláns indispensables, para observar o claro contraste que houbo entre os mil primeiros anos do Catolicismo, nos que había unha gran aceptación das relacións sexoafectivas homoeróticas, e a total intolerancia e persecución que apareceu ca configuración do pecado de sodomía nos séculos XII a XIV.

A ausencia de represión das relacións homosexuais existente previamente vémola neste libro mediante, entre outros, un documento asinado o 16 de abril do ano 1061 na Parroquia de Santa María de Ordes (Concello de Rairiz de Veiga), no que se describe o pacto de convivencia no fogar e a repartición de bens de dous homes, Pedro Díaz e Muño Vandilaz. Isto demóstranos que nesa época houbo unións intermasculinas recoñecidas de maneira oficial.

Porén, todo mudou co pecado de sodomía imposto pola Igrexa católica a finais do século XI. A Igrexa clamou que a homosexualidade era o pecado contra natura, o cume da dexeneración. Chamouno sodomía, un pecado castigado con intensas torturas e pena de morte asegurada. A partires dese momento a igrexa católica comeza tamén a difundir a crenza de que as relacións sexoafectivas homoeróticas foran sempre vistas como pecado, e que o período de aceptación deste tipo de relacións, que agora podemos afirmar con certeza que sucedeu, nunca existiu na historia do cristianismo. Foi tal o intento de borrar esta parte da historia que na actualidade sábese que milleiros de documentos que testificaban estes feitos foron destruídos. É por isto que este pensamento intolerante que promoveu a Igrexa continúa ao longo do tempo, e non fai tantos anos que se empezou a rebater esta idea e a afondar no tema. Esta obra difunde e axuda a comprender a verdade do que sucedeu. Como di o propio autor, neste estudo intenta divulgar a realidade da historia da sexualidade, acotío falsificada, igual que a historia do noso país.

Tamén resalta Carlos Callón a completa invisibilidade das relacións entre mulleres naquela época, xa que se trataba dunha sociedade patriarcal e falocéntrica na que a propia existencia dunha sexualidade á marxe dos desexos masculinos era impensable. Esta invisibilidade, padecida aínda moitos séculos despois, paradoxicamente foi a razón pola que as relacións entre mulleres non sufriron tanta persecución como as relacións entre homes. A existencia de relacións entre mulleres era simplemente ignorada.

A homosexualidade (entendida como os desexos, prácticas ou relacións sexo-afectivas entre homes ou entre mulleres) está presente dende que existe o ser humano, o que varía entre as distintas sociedades e épocas que se sucederon é a percepción da mesma. Hai milleiros de documentos que mostran como na Antiga Grecia e na Antiga Roma se enxalzaba o homoerotismo e as relacións homosexuais e, sen embargo, durante gran parte do século XX a homosexualidade foi brutalmente perseguida e castigada pola Alemaña nazi, que a consideraba un defecto xenético e un sinal de inferioridade. Ao longo das últimas décadas apareceron numerosos estudos sobre a homofobia e a percepción da homosexualidade a través da historia, centrándose especialmente nos últimos años, xa que o último século foi unha época moi revulsiva e con mais retrocesos e avances neste aspecto.

Con todos eses ensaios nos atoparemos ao activar o noso Grindr Bibliotecario, xa que fan Match co libro que hoxe presentamos neste blog:

Premendo nos títulos poderás ver as sinopses das obras no noso catálogo, ademais da súa localización e dispoñibilidade nas Bibliotecas. Se algunha delas chama a túa atención, non o dubides mais e vai ao seu encontro!

Goza ca túa cita, e boa lectura!

One thought on ““Amigos e sodomitas”, de Carlos Callón, en Grindr

Deixar un comentario