Hoxe activamos o Grindr Bibliotecario cunha obra de teatro creada por Nee Barros Fernández (Ourense, 2002): “Identidade: a normalidade do non-común”, un libro que quere reivindicar que todo o que se sae do común tamén é normal, e que todas esas persoas socialmente minorizadas e discriminadas pola súa identidade de xénero son normais e precisan ter a mesma representación na literatura que teñen as persoas que entran dentro da normatividade. Todas as persoas somos diferentes e a diversidade da riqueza ao noso mundo.
Neste libro Zé, o protagonista, loita a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos percorrerá un camiño no que moitas vendas negras que tapan os ollos e a alma da xente, representando o odio e o medo ás realidades descoñecidas, caerán ao chan. Rompendo todos os moldes, Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón.

Nee Barros Fernández, coñecide nas redes como @neeumatiko, é escritore e youtubeire. Dende a súa canle de Youtube explica literatura galega para o alumnado de bacharelato, recomenda lecturas e, sobre todo, fai divulgación sobre temas relacionados co xénero e a realidade trans. Ademais, tamén é moi active en Twitter. Por se isto fora pouco, en ocasións toca nun grupo de música chamado Croalla. “Identidade” é a súa segunda obra, xa que a finais do ano 2020 publicou o libro de poemas “19 poemas para um virus-19”, escrito en galego reintegracionista e en linguaxe non binaria.
Nee Barros utiliza os pronomes neutros e a linguaxe non binaria, identificándose como “elu”, aínda que tamén use o masculino. Neste libro non emprega linguaxe non binaria porque quixo publicalo tal e como o escribiu cando solo tiña catorce anos e se atopaba no proceso de “saír do armario” como persoa trans. Poñer en palabras a súa propia experiencia na procura da súa identidade axudoulle a e entender o que lle estaba sucedendo, ademais de a sobrelevar mellor as situacións de opresión que sufriu nalgúns ámbitos da súa vida, xa que non todo o mundo o aceptou de igual maneira. Con este libro ademais quere que outras persoas que están a pasar pola mesma situación na actualidade teñan o referente que elu nunca tivo e saiban que non están soas.
Aínda que o libro non estea escrito nunha linguaxe inclusiva, si que podemos atopar un personaxe secundario na peza teatral que emprega o sistema “elu”, polo que podemos considerar que este libro é pioneiro no uso deste sistema dentro do mundo das publicacións en galego.
Nee decidiu que esta historia debía ter forma de peza de teatro, xa que considera que este é un xénero bastante esquecido sempre na literatura. Ademais decatouse de que o teatro estaba sempre dirixido a un público adultos ou en todo caso a un público infantil, quedando o xuvenil totalmente esquecido. Elu considera que este xénero é o que mellor pode conectar ca mocidade por ser o mais dinámico e directo, o que permite empatizar e reflexionar sobre a realidade sen estar dentro. Grazas á variedade de personaxes e a ausencia dunha voz narradora, a persoa lectora poderá identificarse con quen queira, enriquecéndose deste modo a lectura.
Esta é unha obra especialmente dirixida a un público adolescente, pero calquera persoa pode adentrarse nela, xa que trata temas pouco representados na ficción, como o é a construción da propia identidade de xénero dunha persoa trans adolescente dende a súa propia perspectiva. Este libro ademais será unha ferramenta moi útil para as familias das persoas trans, que en moitas ocasións non saben como poden axudar. Ademais, aínda que este libro fale concretamente da opresión que sofren aquelas persoas que loitan por construír identidade de xénero, non serán elas as únicas que se verán reflectidas nesta loita. Nee Barros considera que todas aquelas persoas que non se adaptan ao sistema e se atopan nas marxes da sociedade por ser diferentes, xa sexa polo xénero, a clase social ou a etnia, sofren os mesmos mecanismos de opresión por parte da mesma, e viven experiencias similares.
Activamos o noso Grindr Bibliotecario e atopamos varios títulos que nos invitan a pensar sobre a identidade de xénero mais alá do binarismo que rexe na sociedade actual:

- Cobiza / María Reimóndez
- Contra Natura / Daniel Asorey
- Un apartamento en Urano: crónicas del cruce / Paul B. Preciado
- Género Queer: una autobiografía / Maia Kobabe
- Nós, xs inadaptadxs: representaçoes, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza / Daniel Amarelo (coord.)
- Asalto a Oz: antología de relatos de la nueva narrativa queer / VV. AA.
- Más allá de las etiquetas: mujeres, hombres y trans / Coral Herrera Gómez
- La mentira y cómo la contamos / Tommi Parrish
- Transexualidad, intersexualidad y dualidad de género / José Antonio Nieto Piñeroba
Se queres saber máis sobre algunha destas obras simplemente preme no título que che interese e así poderás ver a sinopse, ubicación e dispoñibilidade.
Boa lectura!
