Abre o prazo para participar no 10º aniversario do QUEERuña

O xoves, 18 de setembro, ás 19h abre o prazo para anotarte no club de lectura máis diverso da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña.

imaxe club

Será esta a súa 10ª edición e virá con algunha sorpresa que non queremos desvelar aínda.

Polo momento, escoita as suxestións que che fan Alana Portero e Xela París para que te unas á comunidade QUEERuña:

Axenda a data e a hora e reserva a túa praza.

https://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/persoais/actividades-nas-bibliotecas/detalle-evento/club-de-lectura-lgtb-queeruna-3-grupos-10-aniversario/suceso/1453900663955

Tres mulleres para un trimestre e tres grupos

Imos cumprir o primeiro mes de coexistencia dos tres grupos de lectura do club QUEERuña e queremos presentar aquí as tres autoras que ocuparán as vindeiras reunións.

María Reimóndez (Lugo, 1975) é unha moi prolífica muller galega, grande amiga do club, que publicou o seu primeiro libro no ano 2002 (o poemario Moda galega). Desde ese momento sucédense case unha trintena de publicacións e múltiples premios. Novela, poesía, ensaio, contos infantís; creación, tradución… nada se lle resiste a esta prodixiosa muller que participou tamén en diversas e variadas obras colectivas.

De seguro coñeces Bárbaras, Cobiza, Furia, Multitudes, Desde o conflito, O club da calceta ou a recentísima Retorno, que vén completar a triloxía os_seres_completos. Mais imos intentar traerche aquí algunha recomendación dunha faceta súa, quizás, menos coñecida e que, se che presta, podes consultar nas @bibcoruna: 

  • Cociñando ao pé da letra: entra na literatura galega…ata a cociña (Galaxia, 2011). Unha curiosísima e orixinal proposta, a medio camiño entre a literatura e a cociña, coordinado pola poeta Yolanda Castaño e a fotógrafa Andrea Costas. Nel verás (e lerás) a María entre fariña, ovos e viño doce facendo unhas gorentosas Rosquillas de xerez.
  • O meu avó e o queixo (Alvarellos, 2020) un conto infantil escrito por ela e ilustrado por Vanesa Álvarez. Unha historia que mistura afecto, humor, gastronomía e ilustracións inspiradas en graffitis urbáns. O amor común deste avó e a súa neta: o queixo, o queixo de Galicia e do mundo.
  • a recente tradución que fixo cara o galego de A linguaxe das plantas: os seres máis fascinantes do planeta (Baía, 2022). As plantas nin andan nin falan pero estás segurx de que non reaccionan cando as arrincamos ou cortamos? Con este libro poderás descubrir o seu interese polo mundo que as rodea e os xeitos que teñen para se comunicar con outras plantas.

Tras unha vida indómita como artista pop (deseñadora, cantante e dj) e activista LGTBQI+, Roberta Marrero (Las Palmas de Gran Canaria, 1972-Madrid, 2024) non pedía tanto, só unha foto de primeira comuñón co seu vestido de princesa. Coñecida pola súa traxectoria reivindicando os dereitos das persoas trans e do resto do colectivo LGTBQI+ (ese símbolo, +, para ela significaba non deixar a ninguén fóra), Marrero tivo tamén unha interesante produción no eido da creación literaria.

De feito, no club Queeruña coñecímola mercé á súa banda deseñada “El bebé verde”, onde relata a súa autobiografía empezando por dous sucesos que a marcarían toda a súa vida: naceu verde porque, segundo conta, tragou “cosas que las mujeres expulsan al dar a luz” e, ao vela, todo o mundo dixo: “É un neno”. Pero era unha nena.

Non obstante, alén desa incursión no terreo ilustrado, Roberta Marrero cultivou a poesía. Unha poesía tan indómita e petarda (no sentido máis rebelde e pop do termo) como ela mesma.

Nas nosas bibliotecas falta por chegar aos andeis esa poesía salvaxe e tenra a un tempo (como “Todo era por ser fuego” ou “Derecho a cita”), pero si atopamos, ademais do devandito “El bebé verde”, colaboracións súas no CD “Música para una boda gay” ou no libro de artigos “El tercer sexo”, que aborda a realidade do colectivo de persoas transexuais. Tamén podes descargar desde a plataforma Galicia Le a súa obra “We can be heroes: una celebración de la cultura LGTBQ+“.

Que contar da obra de Teresa Moure (Monforte de Lemos, 1969) que non se conte por si soa? Lingüista e literata, alén de comprometida co movemento feminista e LGTB nos seus ensaios e escritos, Teresa Moure recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria, entre os que se atopa a XI Edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación por “Com A de linguistA”, en 2020. Dirixe desde 2022 o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela.

Sabemos que por isto que vos adiantamos sobre ela, así como porque no club Queeruña subimos ao noso andel “Unha primavera para Aldara” e puidemos falar xa da autora e dos temas que van confluíndo en todas as súas páxinas en prol dun compromiso activo coas diversidades.

Pero, de entre toda a súa ampla obra, que na súa maioría podes atopar nas bibliotecas, que destacariamos, para empezar?

  • Herba Moura. Se non a liches, tes que facelo, porque é a obra máis coñecida e talvez a máis premiada e traducida da autora. Nela, Einés Andrade escribe a súa tese de doutoramento sobre dúas mulleres, a raíña Cristina de Suecia e Hélène Jans, e da relación amorosa de ambas co filósofo René Descartes.
  • Sopas New Campbell. É unha novela arriscada onde se deixa entrever a temática da saúde mental.
  • Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións (Galaxia, 2012). Con esta obra, a autora acadou o Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011. Pouco máis que dicir: o subtítulo xa nos descubre que podemos atopar no interior do volume. E semella que pinta ben…

Volve o club de lectura @queerunha e chega xa á súa novena edición

Se queres formar parte dos grupos de lectura QUEERuña apunta no calendario esta data: o 9 de setembro ás 10h abrirase o período de inscrición para os dous grupos, que poderás facer en liña ou presencialmente en calquera das bibliotecas.

inscricións desde o 09/09

O club organízase en dous grupos diferenciados, con reunións mensuais ás 19h na Biblioteca Ágora:

  • Grupo 1: o segundo xoves de mes,
  • Grupo 2: terceiro xoves de cada mes.

As lecturas serán idénticas nos dous grupos e faranse, por norma xeral, cun mes de diferencia. Haberá tamén lecturas e reunións conxuntas en formato dixital.

Un salto da escrita ao audiovisual: o club de cine volve ás bibliotecas

Xa está aquí unha nova programación do club de cine das bibliotecas municipais que, nesta ocasión, terá lugar o martes 19 de marzo, luns 15 de abril e martes 28 de maio.

As bibliotecas facilítanche o acceso en streaming ás pezas cinematográficas seleccionadas, que deberás visualizar (en compañía ou en solitario, aí xa non nos metemos) e asistir despois ao encontro co resto de persoas onde o xestor cultural Mon Rivas dinamizará o debate usando distintos cortes da película e debullando distintos aspectos sobre as realidades do colectivo LGTB.

Que é o club de cine?

O club de cine é un espazo de entontro para persoas interesadas en debater e analizar pezas cinematográficas (seleccionadas e facilitadas polas bibliotecas na plataforma eFilm Coruña).

Como participar no club de cine?

  1. Faite socix da biblioteca
  2. accede á plataforma eFilm Coruña,
  3. visualiza a película seleccionada antes de cada un dos encontros,
  4. acude á reunión na biblioteca

Deixámosche información máis detallada aquí:

O cine queer ten o seu sitio: o cineclub

Nace na Rede de bibliotecas municipais da Coruña o cineclub, un espazo de encontro para persoas que se reúnen na biblioteca para debater e analizar pezas cinematográficas ou documentais dispoñibles na plataforma gratuíta de streaming que as bibliotecas poñen a disposición das súas socias e socios.

As bibliotecas facilitan gratuitamente o acceso aos contidos en streaming desde a plataforma eFilm Coruña e os encontros, que requerirán inscrición previa, serán conducidos polo xestor cultural e programador Mon Rivas.

O ciclo actual, que xira en torno ás realidades de mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais, consta de tres sesións que se desenvolverán os terceiros martes de mes:

Informe e enquisa de opinión sobre As municipais entenden

O orgullo atravesa o noso labor diario. 

A iniciativa As municipais entenden deixou xa hai tempo de ser unha iniciativa, un impulso a unha nova e necesaria forma de facer, e pasou ser unha metodoloxía, unha dinámica e cultura organizativa que hoxe é xa habitual e impregna cada cousa que facemos. 

É tempo de analizala e mostrala. Elaboramos un informe descritivo dos seus principais eixes de traballo e da súa situación actual. Trazamos tamén varias liñas de futuro mais queremos contar contigo para saber que opinas dela e do próximo camiño que debe percorrer. Entra no formulario e coméntanos.

Pícnic de peche de curso

O próximo mércores 27 de xullo despedimos o curso nun pícnic ao que estades todxs convidadxs.

En que consistirá? ⁣
🥝 Xs asistentes levaremos picoteo e bebida 🍻 para compartir⁣
📚Desvelaremos a nosa lectura favorita da tempada⁣
💅Risas & comadreo aínda que o tempo non acompañe ⁣
.⁣
.⁣
Anímaste? Trae as túas ganas de #culturaLGTB e unhas 🍻!⁣

Estamos xa preparando a programación da próxima edición 2022/2023. En setembro máis info!