“Mamá, quero ser Ziggy Stardust”, de Iria Misa, en Grindr

Despedimos o ano da man de Iria Misa e a súa novela “Mamá, quero ser Ziggy Stardust”, na que descubrimos a historia de Aine, un neno trans que sente unha admiración especial pola figura de Ziggy Stardust, unha estrela de rock andróxina e extraterrestre que podía ser todo o que lle dese a gana. O músico marciano supón para o protagonista unha mensaxe de esperanza: a posibilidade dun futuro diverso e libre, “un futuro onde cadaquén puidese vestir como quixer e sobre todo, sentir como quixer, aínda que fose de xeito completamente distinto aos demais”.

Con ilustracións de Alba Barreiro, este título foi finalista do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. En cada páxina descubrimos a batalla vital que libran os menores transexuais: os conflitos emocionais, o rexeitamento dunha parte da sociedade, o impacto na contorna familiar, os conflitos escolares…

Resulta moi orixinal a introdución de Thomas como narrador da obra, unha terceira persoa incorpórea que, a modo de amigo invisible, prolonga a identidade do protagonista e dálle a comprensión que precisa para seguir adiante.

A novela de Iria Misa achega a rebeldía da figura de Bowie e os seus diversos heterónimos artísticos, unha figura icónica que quixo mudar o mundo por medio da música, dándolle voz a todas aquelas persoas que, a pesar das dificultades e das violencias (explícitas ou non), son como eles queren ser.

Nesta ocasión activamos o Grindr bibliotecario para roldarlle a unha escolla de títulos que abordan a realidade trans e recollen historias de autodeterminación e valentía, todos eles dispoñibles nas Bibliotecas Municipais de A Coruña. It´s a match!