Abre o prazo para participar no 10º aniversario do QUEERuña

O xoves, 18 de setembro, ás 19h abre o prazo para anotarte no club de lectura máis diverso da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña.

imaxe club

Será esta a súa 10ª edición e virá con algunha sorpresa que non queremos desvelar aínda.

Polo momento, escoita as suxestións que che fan Alana Portero e Xela París para que te unas á comunidade QUEERuña:

Axenda a data e a hora e reserva a túa praza.

https://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/persoais/actividades-nas-bibliotecas/detalle-evento/club-de-lectura-lgtb-queeruna-3-grupos-10-aniversario/suceso/1453900663955

Volve o club de lectura @queerunha e chega xa á súa novena edición

Se queres formar parte dos grupos de lectura QUEERuña apunta no calendario esta data: o 9 de setembro ás 10h abrirase o período de inscrición para os dous grupos, que poderás facer en liña ou presencialmente en calquera das bibliotecas.

inscricións desde o 09/09

O club organízase en dous grupos diferenciados, con reunións mensuais ás 19h na Biblioteca Ágora:

  • Grupo 1: o segundo xoves de mes,
  • Grupo 2: terceiro xoves de cada mes.

As lecturas serán idénticas nos dous grupos e faranse, por norma xeral, cun mes de diferencia. Haberá tamén lecturas e reunións conxuntas en formato dixital.

21 de marzo, Día da POESÍA+: “Quero que lembres os bos tempos xuntas”

21 de marzo día da poesía Luísa Villalta

Temos que empezar este artigo cun nome: SAFO. Porque é a primeira poeta da historia da que coñecemos o nome. Porque viviu aproximadamente no século VI antes de Cristo na Grecia antiga e sendo muller deixou pegada na historia. Porque escribiu lírica de tal calidade que Platón dixo dela que era a décima musa. Porque esa lírica, da que conservamos fragmentos, apuntaba ao amor entre mulleres. Porque Safo, ademais da primeira poeta, poida que sexa tamén a primeira muller lesbiana ou bisexual coñecida na historia polo seu nome. Safo. Safo de Lesbos. Safismo. Lesbianismo. Ou pensabas que eses termos creáranse da nada? Eses termos existen porque Safo existiu, e aínda existe nos poucos fragmentos que conservamos da súa obra. E de Safo é o subtítulo que encabeza este artigo: Quero que lembres (…) os bos tempos xuntas.

A partir de Safo, podemos atopar un ronsel de poetas que cultivaron amores diversos ao longo da historia e que o reflectiron na súa obra. Como exemplo deles, está a magnífica antoloxía Campo de plumas: poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, escolma e tradución do tamén poeta Jesús Castro Yáñez, que limos e analizamos no club QUEERuña, obra sobre a que tivemos o pracer de conversar co propio Jesús Castro. Con todo, non foi a única POESÍA+ que puidemos apreciar nas lecturas do club Queeruña, por onde tamén pasaron obras de Gloria Fuertes, Andrea Nunes, ou Ismael Ramos.

E de Safo a Rosalía, pois, como descubrimos da man de Carlos Callón e o seu manifesto “O amor pola patria galega” este último 23 de febreiro, día da musa do pobo galego, “diversas formas de amar e de vivir a sexualidade (o que hoxe chamamos LGBTQ) sobardaban as censuras” nos seus versos, e vai un exemplo empregado polo propio Carlos Callón (de quen, por certo, tamén compartimos lectura QUEERuñeira).

Solo a virxe é máis hermosa
que eres ti, bendita santa,
i o teu rostro pelegrino,
o temido demo espanta.

De ti, vivo namorada,
en ti penso con fervore.
Que eu ben sei que che contenta
este puro e santo amore.

Quen poidera...! Quen poidera...!
Xunta ti vivir segura,
manantial que mel derrama
pura fonte de ternura!

Chegado o noso presente, resulta máis doado atopar poetas e poesía de afectos cuir e LGTB+, incluso aproximándonos a este recanto da Iberia onde falamos galego: xunto a quen xa amentamos, como Andrea Nunes e Ismael Ramos, podemos atopar a María Reimóndez, María Xosé Queizán (tamén xa QUEERuñeiras), Antón Lopo, Mario Regueira ou Lucía Aldao.

E se buscas expresar os teus sentimentos á túa namorada, namorade, namorado ou namoradis, sexa cal sexa a terminación dese afecto (ou desa paixón, que igual o termo afecto fícanos un algo frío), sempre podes identificarte nos versos das obras que gardamos como diamantes do aesthetic (por que non aplicar o palabro tan de moda á literatura?) nos nosos andeis.

Podes atopar +poesía con ingrediente LGTB+ na seguinte ligazón ao noso catálogo!

E que no Día da Poesía non falten a beleza e a paixón cuir e diversa, e sempre lembremos, como Safo, “os bos tempos xuntas”.

Un salto da escrita ao audiovisual: o club de cine volve ás bibliotecas

Xa está aquí unha nova programación do club de cine das bibliotecas municipais que, nesta ocasión, terá lugar o martes 19 de marzo, luns 15 de abril e martes 28 de maio.

As bibliotecas facilítanche o acceso en streaming ás pezas cinematográficas seleccionadas, que deberás visualizar (en compañía ou en solitario, aí xa non nos metemos) e asistir despois ao encontro co resto de persoas onde o xestor cultural Mon Rivas dinamizará o debate usando distintos cortes da película e debullando distintos aspectos sobre as realidades do colectivo LGTB.

Que é o club de cine?

O club de cine é un espazo de entontro para persoas interesadas en debater e analizar pezas cinematográficas (seleccionadas e facilitadas polas bibliotecas na plataforma eFilm Coruña).

Como participar no club de cine?

  1. Faite socix da biblioteca
  2. accede á plataforma eFilm Coruña,
  3. visualiza a película seleccionada antes de cada un dos encontros,
  4. acude á reunión na biblioteca

Deixámosche información máis detallada aquí:

O cine queer ten o seu sitio: o cineclub

Nace na Rede de bibliotecas municipais da Coruña o cineclub, un espazo de encontro para persoas que se reúnen na biblioteca para debater e analizar pezas cinematográficas ou documentais dispoñibles na plataforma gratuíta de streaming que as bibliotecas poñen a disposición das súas socias e socios.

As bibliotecas facilitan gratuitamente o acceso aos contidos en streaming desde a plataforma eFilm Coruña e os encontros, que requerirán inscrición previa, serán conducidos polo xestor cultural e programador Mon Rivas.

O ciclo actual, que xira en torno ás realidades de mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais, consta de tres sesións que se desenvolverán os terceiros martes de mes:

Informe e enquisa de opinión sobre As municipais entenden

O orgullo atravesa o noso labor diario. 

A iniciativa As municipais entenden deixou xa hai tempo de ser unha iniciativa, un impulso a unha nova e necesaria forma de facer, e pasou ser unha metodoloxía, unha dinámica e cultura organizativa que hoxe é xa habitual e impregna cada cousa que facemos. 

É tempo de analizala e mostrala. Elaboramos un informe descritivo dos seus principais eixes de traballo e da súa situación actual. Trazamos tamén varias liñas de futuro mais queremos contar contigo para saber que opinas dela e do próximo camiño que debe percorrer. Entra no formulario e coméntanos.

Pícnic de peche de curso

O próximo mércores 27 de xullo despedimos o curso nun pícnic ao que estades todxs convidadxs.

En que consistirá? ⁣
🥝 Xs asistentes levaremos picoteo e bebida 🍻 para compartir⁣
📚Desvelaremos a nosa lectura favorita da tempada⁣
💅Risas & comadreo aínda que o tempo non acompañe ⁣
.⁣
.⁣
Anímaste? Trae as túas ganas de #culturaLGTB e unhas 🍻!⁣

Estamos xa preparando a programación da próxima edición 2022/2023. En setembro máis info!