Mirando a cidade con outros ollos
O pasado sábado 28 de novembro tivo lugar o roteiro “A Coruña Desviada”, un percorrido que atravesa o século XX para recuperar a historia daquelas personas que viviron e acturaon alén das normas sexuais e de xénero. Sendo consideradas perigosas, inmorais ou dexeneradas nos discursos oficiais.
Con este roteiro —unha colaboración entre a cooperativa Rexenarando, a historiadora Daniela Fernández e o Club de Lectura LGTB Queeruña—, as persoas participantes puideron coñecer estas historias nos seus contextos e recoñecelas nas nosas rúas, coa convicción de que son necesarias para construír igualdade e valorar a diversidade.
Ao longo das dúas horas de percorrido, fixéronse sete paradas entre a Praza de María Pita e a praia do Orzán:

1. Praza de María Pita

O punto de partida para enmarcar o concepto de “disidentes sexuais”, persoas que ao longo da historia viviron ou actuaron ao marxe das normas sexuais e de xénero, e que a pesar de pagar un alto prezo, deixaron un rastro de pegadas que se percorreron en grupo.
2. Igrexa de San Xurxo






Parada obrigada fronte ao lugar onde tivo lugar o casamento entre Elisa (Mario) e Marcela en 1901. Este feito atravesou os límites da cidade e de Galiza, pero que conviviu con outras historias semellantes, aínda que menos populares, o que amosa que a diversidade e a disidencia eran unha nota común na Coruña de comezos de século.
3. Peirao de trasatlánticos





Desde aquí, miramos cara o Teatro Colón, un espazo que representou un despegue cultural e artístico a principos do século XX. Tamén o porto, desde onde partiron para América miles de galegas, como Teresita, coñecida na prensa de moitos países como a “princesa de Borbón” travesti.
4. Rúa do Socorro



Un punto para abordar o Caso Cervigón e o novo tempo de violencia aberto polo golpe de Estado e a ditatura. Coñecéronse historias de represión e, sobre todo, de resistencia e axencia das vidas disidentes durante a ditadura.
5. Xardíns de Méndez Núñez



Este espazo íntimo pero céntrico serviu de escenario para diferentes historias e transgresión e loita. Falouse dos mapas do cruising desde principios do XX, das detencións no franquismo e das protestas dos noventa contra as agresións de grupos neonazis.
6. Praza de Pontevedra




Lémbrase aquí a cafetería Manhattan, lugar asociado ao espertar da conciencia colectiva pola liberación homosexual. A expulsión de dous activistas en 1980 por levar un pano corado motivou unha das primeiras accións de protesta antidiscriminatoria na historia do país. Tamén se mencionaron referentes como Trinidad Falcés ou Tomás Fábregas.
7. Riazor




O punto final que conecta a memoria colectiva máis recente co asasinato de Samuel Luiz. Ligando o presente coa tráxica historia de José María Zorrón, cuxa vida rematou no mesmo punto cincuenta anos antes.

E é que a historia é un camiño de avances e retrocesos. Ao recoñecer as pegadas de loita e dignidade destas persoas nas nosas rúas, “A Coruña Desviada” convídanos a comprometernos coa memoria, dando un paso firme para construír unha cidade onde a diversidade sexa a nosa maior fortaleza e caibamos todas as persoas.











