Eli Rios, escritora galega coñecida sobre todo pola súa faceta de poeta, incursiona na ficción científica coa novela DX, que a pesar de ser encadrada no xénero xuvenil é apta para todos os públicos.
Ambientada na Coruña, a meirande parte da trama desenvólvese ós pés do Campus de Elviña, na Facultade de Arquitectura, como se ve no encadre da fotografía da cuberta. Na noitevella de 2029, Morgan e Andre, que traballan en DX, empresa punteira en biotecnoloxía e investigación, entablan unha relación xusto antes de que os acontecementos se torzan e a cobiza queira dominar o mundo.

A historia empeza con moita sensualidade e erotismo, presentes ó longo da mesma na que se vai vendo a evolución da relación de amor dos personaxes. Os protagonistas vense obrigados a extraer do seu interior o instinto de supervivencia polo devir dos acontecementos. De que maneira sobreviven ás situacións complicadas dese mundo capitalista e consumista que o destrúe todo? Non imos dar moitas pistas para que o vaiades descubrindo por vós mesmos en DX!
Dx semella de ciencia ficción pero segundo afondamos nela dámonos conta que o que priman son as emocións e os sentimentos cun trasfondo de ficción científica que leva á reflexión: como un sistema capitalista mesturado coas ansias de poder e avaricia pode destruir o mundo. Unha historia distópica, hoxe por hoxe moi presente na nosa narrativa que nos lembra a obra de Iolanda Zuñiga “Natura” que nun mesmo discurso integra a faciana política, de xénero co seu quión de ecoloxista e tecnoloxica tamén.
É a primeira novela galega escrita sen tratamento de xénero nos protagonistas, non se atopa ningunha referencia a este nin tampouco das preferencias sexuais, mais aló de que son alosexuais. Sen marcas de xénero desaparecen os roles. Son só dúas persoas axudándose e desenvolvendo empatía mútua nunha historia de supervivencia
A linguaxe directa, o dinamismo dos diálogos, a brevidade dos capítulos danlle á lectura un ritmo áxil pero intenso que, xunto a incógnita envolveranvos de cheo na historia e conduciranvos ás sorpresas finais. Un desenlace inagardado, que está suxerido, igual que a construcción das personaxes, para que cada un o poida pintar como máis lle guste
Activamos o noso Grindr Bibliotecario para ver se hai semellanzas e propoñémosvos unha pequena mostra de obras preto de DX.

- La mano izquierda de la oscuridad / Ursula K. Le Guin
- Benquerida catástrofe / Teresa Moure
- A semellanza / María Xosé Queizán
- Un apartamento en Urano / Paul B. Preciado
- Obediencia /Antón Lopo
- A teoría dos contrarios / Pere Tobaruela
- Variaciones enigma / André Aciman
- Cobiza / María Reimondez
- Frankissstein : una historia de amor / Jeanette Winterson
Atoparédelas no Catalogo da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña se queres confirmar o teu match, preme sobre o título e verás a súa sinopse, ubicación e dispoñibilidade
Boa lectura!
