Roteiro A Coruña Desviada: un paseo pola memoria das disidencias sexuais

Mirando a cidade con outros ollos

O pasado sábado 28 de novembro tivo lugar o roteiro “A Coruña Desviada”, un percorrido que atravesa o século XX para recuperar a historia daquelas personas que viviron e acturaon alén das normas sexuais e de xénero. Sendo consideradas perigosas, inmorais ou dexeneradas nos discursos oficiais.

Con este roteiro —unha colaboración entre a cooperativa Rexenarando, a historiadora Daniela Fernández e o Club de Lectura LGTB Queeruña—, as persoas participantes puideron coñecer estas historias nos seus contextos e recoñecelas nas nosas rúas, coa convicción de que son necesarias para construír igualdade e valorar a diversidade.

Ao longo das dúas horas de percorrido, fixéronse sete paradas entre a Praza de María Pita e a praia do Orzán:

1. Praza de María Pita

O punto de partida para enmarcar o concepto de “disidentes sexuais”, persoas que ao longo da historia viviron ou actuaron ao marxe das normas sexuais e de xénero, e que a pesar de pagar un alto prezo, deixaron un rastro de pegadas que se percorreron en grupo.

2. Igrexa de San Xurxo

Parada obrigada fronte ao lugar onde tivo lugar o casamento entre Elisa (Mario) e Marcela en 1901. Este feito atravesou os límites da cidade e de Galiza, pero que conviviu con outras historias semellantes, aínda que menos populares, o que amosa que a diversidade e a disidencia eran unha nota común na Coruña de comezos de século.

3. Peirao de trasatlánticos

Desde aquí, miramos cara o Teatro Colón, un espazo que representou un despegue cultural e artístico a principos do século XX. Tamén o porto, desde onde partiron para América miles de galegas, como Teresita, coñecida na prensa de moitos países como a “princesa de Borbón” travesti.

4. Rúa do Socorro

Un punto para abordar o Caso Cervigón e o novo tempo de violencia aberto polo golpe de Estado e a ditatura. Coñecéronse historias de represión e, sobre todo, de resistencia e axencia das vidas disidentes durante a ditadura.

5. Xardíns de Méndez Núñez

Este espazo íntimo pero céntrico serviu de escenario para diferentes historias e transgresión e loita. Falouse dos mapas do cruising desde principios do XX, das detencións no franquismo e das protestas dos noventa contra as agresións de grupos neonazis.

6. Praza de Pontevedra

Lémbrase aquí a cafetería Manhattan, lugar asociado ao espertar da conciencia colectiva pola liberación homosexual. A expulsión de dous activistas en 1980 por levar un pano corado motivou unha das primeiras accións de protesta antidiscriminatoria na historia do país. Tamén se mencionaron referentes como Trinidad Falcés ou Tomás Fábregas.

7. Riazor

O punto final que conecta a memoria colectiva máis recente co asasinato de Samuel Luiz. Ligando o presente coa tráxica historia de José María Zorrón, cuxa vida rematou no mesmo punto cincuenta anos antes.

E é que a historia é un camiño de avances e retrocesos. Ao recoñecer as pegadas de loita e dignidade destas persoas nas nosas rúas, “A Coruña Desviada” convídanos a comprometernos coa memoria, dando un paso firme para construír unha cidade onde a diversidade sexa a nosa maior fortaleza e caibamos todas as persoas.

Abre o prazo para participar no 10º aniversario do QUEERuña

O xoves, 18 de setembro, ás 19h abre o prazo para anotarte no club de lectura máis diverso da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña.

imaxe club

Será esta a súa 10ª edición e virá con algunha sorpresa que non queremos desvelar aínda.

Polo momento, escoita as suxestións que che fan Alana Portero e Xela París para que te unas á comunidade QUEERuña:

Axenda a data e a hora e reserva a túa praza.

https://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/persoais/actividades-nas-bibliotecas/detalle-evento/club-de-lectura-lgtb-queeruna-3-grupos-10-aniversario/suceso/1453900663955

Volve o club de lectura @queerunha e chega xa á súa novena edición

Se queres formar parte dos grupos de lectura QUEERuña apunta no calendario esta data: o 9 de setembro ás 10h abrirase o período de inscrición para os dous grupos, que poderás facer en liña ou presencialmente en calquera das bibliotecas.

inscricións desde o 09/09

O club organízase en dous grupos diferenciados, con reunións mensuais ás 19h na Biblioteca Ágora:

  • Grupo 1: o segundo xoves de mes,
  • Grupo 2: terceiro xoves de cada mes.

As lecturas serán idénticas nos dous grupos e faranse, por norma xeral, cun mes de diferencia. Haberá tamén lecturas e reunións conxuntas en formato dixital.

“Corres como una niña : el género y la diversidad LGTBI en el deporte” de David Guerrero.

“Corres como una niña: el género y la diversidad LGTBI en el deporte” é un ensaio no que se desmontan varios estereotipos de xénero moi arraigados no mundo do deporte. Algúns destes esteorotipos van dende crenzas de que hai deportes para homes e deportes para mulleres, ou que de dependendo da súa orientación sexual unha persoa pode ser mellor ou peor na práctica dun deporte.

Ao longo deste libro o seu autor David Guerrero desmentirá estos estereotipos a través de diversas entrevistas que realizou con deportistas que tiveron que facer fronte a estos clichés, entre eles encontramos deportistas coma Pau Ribes, Alba Palacios, Víctor Gutierrez, Sara Pelaez, María José Martínez Patiño ou Paloma Río.

David Guerrero é un activista en defensa da igualdade, ademais de ser o presidente da asociación “Deporte y Diversidad” e asesor na “Real Federación Española de Atletismo” e na “Fundación Pedro Zerolo” en temas de igualdade de xénero. Nesta obra trata estos temas dunha forma moi dinámica que fai deste libro unha lectura entretida e a vez moi instructiva, tratando temas tan en boga na actualidade como a suposta superioridade dos deportistas transexuais ou a segregación do deporte por xénero. Ademais contén un glosario é un directorio de entidades deportivas LTBI inclusivas, que facilitan unha información extra as persoas que queiran profundizar neste tema.

O noso Grindr bibliotecario os seguintes matchs, dadelles unha oportunidade!! 😉

A continuación o listado de libros recomendados para que non vos perdades ningún título.

Se queredes tamén podedes acceder ao noso catálogo para atopar obras do voso interese.

“Besta do seu sangue”, de Emma Pedreira no Grindr

Emma Pedreira aborda nesta novela a vida de Manuel Blanco Romasanta, unha das figuras máis rechamantes do imaxinario español. Romasanta, nado en Esgos (Ourense), viviu durante a primeira metade do Século  XIX, e foi responsable de máis dunha ducia de crimes nos montes de Galicia e O Bierzo. De feito é considerado o primeiro asasino en serie da historia de España. Unha actividade criminal pola que foi condenado a morte e finalmente a raiña Isabel II conmutou o garrote pola cadea perpetua.

Na novela, penso que moi ben documentada e gañadora do Premio Xerais 2018, Pedreira pon de relevo a figura do sacaúntos galego dende unha perspectiva de xénero dando así unha volta de roda á historia oficial.  Que Manuel Blanco Romasanta fose unha muller xa o apuntara o antropólogo Xosé Ramón Mariño e tamén quedou patente coa celebración das III Xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta en Allariz no ano 2012, organizadas pola Fundación Vicente Risco.

Manuel ou Manuela, naceu branco e louro e a familia pensou que era unha nena: foi chamado, de feito, Manuela, ata que cumpriu 8 anos. O forense Fernando Serrulla apuntou a que Manuela ou Manuel sufría un estraño caso de pseudohermafroditismo, e aínda que tiña que ser muller segregaba unha enorme cantidade de andróxenos e podía presentar acusados rautos de violencia. Feito que contrastaba co súas delicadas labores “Cosía,  bordaba,  calcetaba. Cortaba traxes e vestidos. Era un ser doce, entrañable, amigo, sobre todo, das súas amigas” que moitas delas se converteron nas súas vítimas. 

Dende logo a vida de Blanco Romasanta aparece ben artellada na novela, cun estilo narrativo que parece que bebe da condición de poeta da autora e que logra atrapar ao lector a medida que nos adentramos nos acontecementos. Home ou muller? o que si consegue Emma Pedreira ao longo das 114 páxinas da historia é que o lector viva case en primeira persoa a indefinición e por tanto a convivencia de ámbalas dúas condicións na figura de Manuel ou Manuela. 

Polo tanto a curiosidade temática dende o punto de vista da intersexualidade activa o noso Grindr Bibliotecario de hoxe e fai match cos seguintes títulos:

Pero non esquecemos que Blanco Romasanta foi ademais o primeiro (e ata o de agora único) cidadán español diagnosticado de  licantropía clínica, o que lle valeu o alcume de “home lobo galego”. Así que volvemos facer match coa licantropía e co mito de Blanco Romasanta: 

E lembra que sempre podes atopar máis máis títulos e facer macht no noso catálogo, o Cascarilleiro!

Encontro con Jesús Castro Yáñez no marco do festival Primaletras

O noso primeiro contacto con Jesús foi aló no mes de agosto de 2021

Xa no Nadal comezamos a lectura de “Campo de plumas” e dimos cumprida conta no Instagram e neste blog cunha entrada adicada a esta escolma de Jesús Castro Yáñez e outros libros similares.

Agora estamos a 24 horas do encontro organizado con Jesús Castro Yáñez, que visitará por vez primeira os dous grupos de lectura LGTB das Bibliotecas Municipais. O encontro será conducido por Alejandro Castro, unha das persoas que integran o club.

O acto é de balde e aberto ao público ata completar a capacidade, e está incluído na programación do Festival Primaletras.

ACTUALIZACIÓN 28/03: accede á grabación do encontro

Así nacen as baleas, de Anxos Sumai, en Grindr

Da man da nova lectura mensual chega o Grindr bibliotecario. Desta volta descubrimos títulos próximos a “Así nacen as baleas” da escritora e bibliotecaria Anxos Sumai.

No catálogo da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña identificamos libros que tratan a descuberta da sexualidade lésbica nas personaxes principais ou o exilio forzoso na busca da propia identidade. Temáticas case sempre moi influenciadas pola presenza da familia.

Esta é a nosa escolla:

E lembra que se queres botarlle unha ollada máis polo miúdo só tes que premer sobre o título e verás a súa sinopse, ubicación e dispoñibilidade a través do noso catálogo.😉

Malaherba, de Manuel Jabois, en Grindr

Se abrimos o Grindr bibliotecario con Malaherba nas mans, que outros libros estarían cerquiña?

No catálogo da Rede de bibliotecas municipais da Coruña hai máis materiais que falan do primeiro amor LGTB ou do acoso LGTBfóbico. Velaquí unha pequena mostra:

Se queres quedar con algún deles, clica aquí abaixo e verás a súa sinopse, ubicación e dispoñibilidade 😉

Eixes de debate para Malaherba, de Manuel Jabois

Volvemos ás andadas virtuais. A nosa segunda quedada desta tempada terá que ser onláin e os eixes de debate para MALAHERBA, que xa publicamos en IG, serán estes:

  • Descubrindo a sexualidade: sentídesvos identificadxs en algunha parte do relato? que vos parece a narración da descuberta da sexualidade das personaxes principais? Que compartides? Que non?
  • Acoso LGTBfóbico: é o mesmo acoso que había nos 80 ou 90? como podemos combatilo a día de hoxe? Que papel poden xogar formas culturais coma os videoxogos na evasión fronte ao acoso? (ai, bendita Chun-Li!)
  • Saída do armario e familia: que rol lle atribuídes a Rebe, irmá do protagonista? É unha confidente? É un papel realista? E que opinades da figura do pai?

O debate promete.

Non vos perdades a partir do mércores a estrea mundial dunha nova tipoloxía de entradas neste blog. Irán dentro da recén creada categoría “Grindr bibliotecario” e nelas descubriremos títulos próximos ás nosas lecturas mensuais que poderás atopar no catálogo da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña. A non perder! ❤

Propostas de debate para “A cabeza de Medusa”

Ola, queeruñxs! Como levades os 28º que marcan os mercurios ás 12h dun 28 de maio coma hoxe?

Estamos a 7 días do próximo “encontro” en zoom e imos deixar por aquí unha proposta de temas para o debate sobre a primeira lectura que facemos en dixital a través da plataforma de préstamo de libro electrónico galega, Galiciale: A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre.

Publicada no ano 2008 foi gañadora da 10ª edición do concurso Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008, e do Premio The Withe Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) no 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento no 2010.

A autora recolle no epílogo que conta a historia con personaxes ficticias, mais que dúas rapazas doblemente violadas existiron nun instituto no que exerceu a docencia. Moitas máis Lupes e Sofías existen e máis necesarias son obras coma esta.

https://platform.twitter.com/widgets.js

Sabendo que o mollo da historia dá moito de si, poñemos enriba da mesa estas cuestións:

  • Sofía, que exixe para si o que é dela, e Lupe, que abandona e logo retoma a demanda con forza. Son dúas evolucións distintas que poñen de manifesto a importancia do acompañamento e dos coidados, do amor e da amizade, mais tamén o que nos di a autora en twitter: como facer fronte á vergonza.
  • o papel dos medios de comunicación e a importancia da linguaxe: de como as novas nos xornais evolucionan de “presunto agresor” a “presuntamente agredida“; ou de como o foco se vai movendo dun lado ao outro ata acabar cuestionando as vítimas e facéndoas responsables do que lles acontece, como se fose o seu castigo merecido;
  • as masculinidades: Mauricio e Artur representan, quizás, dúas contrapostas. Ao longo de toda a historia só unha personaxe masculina lle fai fronte á toxicidade de quen acusa á vítima. Rubén, aínda que con comparacións a chiscos desafortunadas, é claramente un aliado. E Vicenzo, que é Vicenzo?

Creo que hai dúas violancións. Unha física e outra simbólica, entendes? Unha é a agresión ao teu corpo. Sei que foi arrepiante mais, sen a carga simbolica que lle atribúe a sociedade, non debería preocuparte máis que… que se che atropelasen un pé cunha moto.

Rubén, a Sofía
  • as nais e os pais: a nai do violador alíñase coas nais e pais das violadas mediante unha carta na que pide o seu perdón (o dela) e se manifesta solidaria coas rapazas, e non co seu fillo. O pai do violador quere comprar o silencio. Que credes que faría o pai de Lupe se recibe esta oferta?
  • o consello escolar con profesorado e nais e pais que reflicten ben a sociedade e o permanente desculpar ás vítimas (homes) das violencias ás que están sometidos: o poder das temidas minisaias. Sería hoxe distinto?
  • o estigma social: Jessica é a personaxe estigmatizada por vivir nunha casa de acollida e, vaia, resulta ser a vítima da terceira violación presentada no relato, aínda que fora a primeira en ter sucedido.
  • o simbolismo do que fala Rubén: segue sendo o mesmo hoxe, 12 anos despois? Fixo isto un percorrido similar ás denuncias por malos tratos tal e como lle comenta Elvira a Sofía?

Hai vinte anos case ningunha muller denunciaba os malos tratos. Se llo contaba á familia diríanlle que era normal. (…) Afortunadamente as cousas mudaron bastante nestes vinte anos.

Elvira, a Sofía

Quedounos algo? Podes propoñer outras cuestións para o debate!

https://platform.twitter.com/widgets.js