Roteiro A Coruña Desviada: un paseo pola memoria das disidencias sexuais

Mirando a cidade con outros ollos

O pasado sábado 28 de novembro tivo lugar o roteiro “A Coruña Desviada”, un percorrido que atravesa o século XX para recuperar a historia daquelas personas que viviron e acturaon alén das normas sexuais e de xénero. Sendo consideradas perigosas, inmorais ou dexeneradas nos discursos oficiais.

Con este roteiro —unha colaboración entre a cooperativa Rexenarando, a historiadora Daniela Fernández e o Club de Lectura LGTB Queeruña—, as persoas participantes puideron coñecer estas historias nos seus contextos e recoñecelas nas nosas rúas, coa convicción de que son necesarias para construír igualdade e valorar a diversidade.

Ao longo das dúas horas de percorrido, fixéronse sete paradas entre a Praza de María Pita e a praia do Orzán:

1. Praza de María Pita

O punto de partida para enmarcar o concepto de “disidentes sexuais”, persoas que ao longo da historia viviron ou actuaron ao marxe das normas sexuais e de xénero, e que a pesar de pagar un alto prezo, deixaron un rastro de pegadas que se percorreron en grupo.

2. Igrexa de San Xurxo

Parada obrigada fronte ao lugar onde tivo lugar o casamento entre Elisa (Mario) e Marcela en 1901. Este feito atravesou os límites da cidade e de Galiza, pero que conviviu con outras historias semellantes, aínda que menos populares, o que amosa que a diversidade e a disidencia eran unha nota común na Coruña de comezos de século.

3. Peirao de trasatlánticos

Desde aquí, miramos cara o Teatro Colón, un espazo que representou un despegue cultural e artístico a principos do século XX. Tamén o porto, desde onde partiron para América miles de galegas, como Teresita, coñecida na prensa de moitos países como a “princesa de Borbón” travesti.

4. Rúa do Socorro

Un punto para abordar o Caso Cervigón e o novo tempo de violencia aberto polo golpe de Estado e a ditatura. Coñecéronse historias de represión e, sobre todo, de resistencia e axencia das vidas disidentes durante a ditadura.

5. Xardíns de Méndez Núñez

Este espazo íntimo pero céntrico serviu de escenario para diferentes historias e transgresión e loita. Falouse dos mapas do cruising desde principios do XX, das detencións no franquismo e das protestas dos noventa contra as agresións de grupos neonazis.

6. Praza de Pontevedra

Lémbrase aquí a cafetería Manhattan, lugar asociado ao espertar da conciencia colectiva pola liberación homosexual. A expulsión de dous activistas en 1980 por levar un pano corado motivou unha das primeiras accións de protesta antidiscriminatoria na historia do país. Tamén se mencionaron referentes como Trinidad Falcés ou Tomás Fábregas.

7. Riazor

O punto final que conecta a memoria colectiva máis recente co asasinato de Samuel Luiz. Ligando o presente coa tráxica historia de José María Zorrón, cuxa vida rematou no mesmo punto cincuenta anos antes.

E é que a historia é un camiño de avances e retrocesos. Ao recoñecer as pegadas de loita e dignidade destas persoas nas nosas rúas, “A Coruña Desviada” convídanos a comprometernos coa memoria, dando un paso firme para construír unha cidade onde a diversidade sexa a nosa maior fortaleza e caibamos todas as persoas.

Abre o prazo para participar no 10º aniversario do QUEERuña

O xoves, 18 de setembro, ás 19h abre o prazo para anotarte no club de lectura máis diverso da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña.

imaxe club

Será esta a súa 10ª edición e virá con algunha sorpresa que non queremos desvelar aínda.

Polo momento, escoita as suxestións que che fan Alana Portero e Xela París para que te unas á comunidade QUEERuña:

Axenda a data e a hora e reserva a túa praza.

https://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/persoais/actividades-nas-bibliotecas/detalle-evento/club-de-lectura-lgtb-queeruna-3-grupos-10-aniversario/suceso/1453900663955

Volve o club de lectura @queerunha e chega xa á súa novena edición

Se queres formar parte dos grupos de lectura QUEERuña apunta no calendario esta data: o 9 de setembro ás 10h abrirase o período de inscrición para os dous grupos, que poderás facer en liña ou presencialmente en calquera das bibliotecas.

inscricións desde o 09/09

O club organízase en dous grupos diferenciados, con reunións mensuais ás 19h na Biblioteca Ágora:

  • Grupo 1: o segundo xoves de mes,
  • Grupo 2: terceiro xoves de cada mes.

As lecturas serán idénticas nos dous grupos e faranse, por norma xeral, cun mes de diferencia. Haberá tamén lecturas e reunións conxuntas en formato dixital.

Un salto da escrita ao audiovisual: o club de cine volve ás bibliotecas

Xa está aquí unha nova programación do club de cine das bibliotecas municipais que, nesta ocasión, terá lugar o martes 19 de marzo, luns 15 de abril e martes 28 de maio.

As bibliotecas facilítanche o acceso en streaming ás pezas cinematográficas seleccionadas, que deberás visualizar (en compañía ou en solitario, aí xa non nos metemos) e asistir despois ao encontro co resto de persoas onde o xestor cultural Mon Rivas dinamizará o debate usando distintos cortes da película e debullando distintos aspectos sobre as realidades do colectivo LGTB.

Que é o club de cine?

O club de cine é un espazo de entontro para persoas interesadas en debater e analizar pezas cinematográficas (seleccionadas e facilitadas polas bibliotecas na plataforma eFilm Coruña).

Como participar no club de cine?

  1. Faite socix da biblioteca
  2. accede á plataforma eFilm Coruña,
  3. visualiza a película seleccionada antes de cada un dos encontros,
  4. acude á reunión na biblioteca

Deixámosche información máis detallada aquí:

O cine queer ten o seu sitio: o cineclub

Nace na Rede de bibliotecas municipais da Coruña o cineclub, un espazo de encontro para persoas que se reúnen na biblioteca para debater e analizar pezas cinematográficas ou documentais dispoñibles na plataforma gratuíta de streaming que as bibliotecas poñen a disposición das súas socias e socios.

As bibliotecas facilitan gratuitamente o acceso aos contidos en streaming desde a plataforma eFilm Coruña e os encontros, que requerirán inscrición previa, serán conducidos polo xestor cultural e programador Mon Rivas.

O ciclo actual, que xira en torno ás realidades de mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais, consta de tres sesións que se desenvolverán os terceiros martes de mes:

Informe e enquisa de opinión sobre As municipais entenden

O orgullo atravesa o noso labor diario. 

A iniciativa As municipais entenden deixou xa hai tempo de ser unha iniciativa, un impulso a unha nova e necesaria forma de facer, e pasou ser unha metodoloxía, unha dinámica e cultura organizativa que hoxe é xa habitual e impregna cada cousa que facemos. 

É tempo de analizala e mostrala. Elaboramos un informe descritivo dos seus principais eixes de traballo e da súa situación actual. Trazamos tamén varias liñas de futuro mais queremos contar contigo para saber que opinas dela e do próximo camiño que debe percorrer. Entra no formulario e coméntanos.

“Cobiza” de María Reimóndez

“Eu quero construir un mundo coma o que coñecín. Un mundo salvaxe e libre onde o obxectivo na vida non sexa acumular nada, senón simplemente construir o benestar propio sen esmagar os demáis seres.

Cantas citas e reflexións poderíamos compartir desta lectura…

Cobiza, gañadora do I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero organizado polo Concello de Pontevedra e Xerais, é unha novela de ciencia ficción feminista, unha distopía que nos invita a reflexionar sobre o devenir dunha sociedade destruida por un progreso que non é tal, un avance tecnolóxico que non vai da man dunha verdadeira evolución do ser humano. Un cataclismo chamado a Gran Desconexión da paso a un mundo dividido entre os que posúen recursos e os que non (entre os Recunchos e as Capitais), onde a fertilidade convértese nunha moeda de cambio e unha forma máis de explotación das mulleres na promesa dunha vida mellor. Unha reflexión sobre o poder, as relacións humanas, o colonialismo, a escravitude, os roles de xénero e as identidades sexuais.

Pero, especialmente, Cobiza conecta cunha fonda visión ecofeminista da vida e do planeta que nos sustenta. Diría que esa é a cor de fondo de toda a novela. Unha denuncia a violación da Terra, os ecosistemas e as especies. Unha chamada tamén a recuperar o poder das devanceiras e do feminino na natureza. “Canto máis traballaba coa materia vexetal, máis entendía ate que punto as plantas e xa non digamos as árbores son seres sentintes e interconectados. A base da vida. ”

Seguindo este fío, estas son algunhas suxerencias de outros títulos de María Reimóndez que poderás atopar nas bibliotecas da rede:

E aquí van algunhas propostas de libros en sintonía coa temática de Cobiza, propostas que tocan cordas da ciencia ficción, da desigualdade social, da identidade e roles de xénero, da ecoloxía e o ecofeminismo… Cordas que tecen unha reflexión feminista e integral do mundo que habitamos.

Podes premer nos títulos que che interesen para ver a sinopse completa. Todos eles forman parte do Catálogo da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, onde podes consultar outros moitos títulos dispoñibles. Boa lectura!

“Eu querería un mundo onde as persoas entendesen dunha vez que están interconectadas non para explotarse, senón como están as árbores, sabes?

Pícnic de peche de curso

O próximo mércores 27 de xullo despedimos o curso nun pícnic ao que estades todxs convidadxs.

En que consistirá? ⁣
🥝 Xs asistentes levaremos picoteo e bebida 🍻 para compartir⁣
📚Desvelaremos a nosa lectura favorita da tempada⁣
💅Risas & comadreo aínda que o tempo non acompañe ⁣
.⁣
.⁣
Anímaste? Trae as túas ganas de #culturaLGTB e unhas 🍻!⁣

Estamos xa preparando a programación da próxima edición 2022/2023. En setembro máis info!