Imos cumprir o primeiro mes de coexistencia dos tres grupos de lectura do club QUEERuña e queremos presentar aquí as tres autoras que ocuparán as vindeiras reunións.

María Reimóndez (Lugo, 1975) é unha moi prolífica muller galega, grande amiga do club, que publicou o seu primeiro libro no ano 2002 (o poemario Moda galega). Desde ese momento sucédense case unha trintena de publicacións e múltiples premios. Novela, poesía, ensaio, contos infantís; creación, tradución… nada se lle resiste a esta prodixiosa muller que participou tamén en diversas e variadas obras colectivas.
De seguro coñeces Bárbaras, Cobiza, Furia, Multitudes, Desde o conflito, O club da calceta ou a recentísima Retorno, que vén completar a triloxía os_seres_completos. Mais imos intentar traerche aquí algunha recomendación dunha faceta súa, quizás, menos coñecida e que, se che presta, podes consultar nas @bibcoruna:
- Cociñando ao pé da letra: entra na literatura galega…ata a cociña (Galaxia, 2011). Unha curiosísima e orixinal proposta, a medio camiño entre a literatura e a cociña, coordinado pola poeta Yolanda Castaño e a fotógrafa Andrea Costas. Nel verás (e lerás) a María entre fariña, ovos e viño doce facendo unhas gorentosas Rosquillas de xerez.
- O meu avó e o queixo (Alvarellos, 2020) un conto infantil escrito por ela e ilustrado por Vanesa Álvarez. Unha historia que mistura afecto, humor, gastronomía e ilustracións inspiradas en graffitis urbáns. O amor común deste avó e a súa neta: o queixo, o queixo de Galicia e do mundo.
- a recente tradución que fixo cara o galego de A linguaxe das plantas: os seres máis fascinantes do planeta (Baía, 2022). As plantas nin andan nin falan pero estás segurx de que non reaccionan cando as arrincamos ou cortamos? Con este libro poderás descubrir o seu interese polo mundo que as rodea e os xeitos que teñen para se comunicar con outras plantas.
Tras unha vida indómita como artista pop (deseñadora, cantante e dj) e activista LGTBQI+, Roberta Marrero (Las Palmas de Gran Canaria, 1972-Madrid, 2024) non pedía tanto, só unha foto de primeira comuñón co seu vestido de princesa. Coñecida pola súa traxectoria reivindicando os dereitos das persoas trans e do resto do colectivo LGTBQI+ (ese símbolo, +, para ela significaba non deixar a ninguén fóra), Marrero tivo tamén unha interesante produción no eido da creación literaria.
De feito, no club Queeruña coñecímola mercé á súa banda deseñada “El bebé verde”, onde relata a súa autobiografía empezando por dous sucesos que a marcarían toda a súa vida: naceu verde porque, segundo conta, tragou “cosas que las mujeres expulsan al dar a luz” e, ao vela, todo o mundo dixo: “É un neno”. Pero era unha nena.
Non obstante, alén desa incursión no terreo ilustrado, Roberta Marrero cultivou a poesía. Unha poesía tan indómita e petarda (no sentido máis rebelde e pop do termo) como ela mesma.
Nas nosas bibliotecas falta por chegar aos andeis esa poesía salvaxe e tenra a un tempo (como “Todo era por ser fuego” ou “Derecho a cita”), pero si atopamos, ademais do devandito “El bebé verde”, colaboracións súas no CD “Música para una boda gay” ou no libro de artigos “El tercer sexo”, que aborda a realidade do colectivo de persoas transexuais. Tamén podes descargar desde a plataforma Galicia Le a súa obra “We can be heroes: una celebración de la cultura LGTBQ+“.
Que contar da obra de Teresa Moure (Monforte de Lemos, 1969) que non se conte por si soa? Lingüista e literata, alén de comprometida co movemento feminista e LGTB nos seus ensaios e escritos, Teresa Moure recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria, entre os que se atopa a XI Edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación por “Com A de linguistA”, en 2020. Dirixe desde 2022 o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela.
Sabemos que por isto que vos adiantamos sobre ela, así como porque no club Queeruña subimos ao noso andel “Unha primavera para Aldara” e puidemos falar xa da autora e dos temas que van confluíndo en todas as súas páxinas en prol dun compromiso activo coas diversidades.
Pero, de entre toda a súa ampla obra, que na súa maioría podes atopar nas bibliotecas, que destacariamos, para empezar?
- Herba Moura. Se non a liches, tes que facelo, porque é a obra máis coñecida e talvez a máis premiada e traducida da autora. Nela, Einés Andrade escribe a súa tese de doutoramento sobre dúas mulleres, a raíña Cristina de Suecia e Hélène Jans, e da relación amorosa de ambas co filósofo René Descartes.
- Sopas New Campbell. É unha novela arriscada onde se deixa entrever a temática da saúde mental.
- Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións (Galaxia, 2012). Con esta obra, a autora acadou o Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011. Pouco máis que dicir: o subtítulo xa nos descubre que podemos atopar no interior do volume. E semella que pinta ben…

