21 de marzo, Día da POESÍA+: “Quero que lembres os bos tempos xuntas”

21 de marzo día da poesía Luísa Villalta

Temos que empezar este artigo cun nome: SAFO. Porque é a primeira poeta da historia da que coñecemos o nome. Porque viviu aproximadamente no século VI antes de Cristo na Grecia antiga e sendo muller deixou pegada na historia. Porque escribiu lírica de tal calidade que Platón dixo dela que era a décima musa. Porque esa lírica, da que conservamos fragmentos, apuntaba ao amor entre mulleres. Porque Safo, ademais da primeira poeta, poida que sexa tamén a primeira muller lesbiana ou bisexual coñecida na historia polo seu nome. Safo. Safo de Lesbos. Safismo. Lesbianismo. Ou pensabas que eses termos creáranse da nada? Eses termos existen porque Safo existiu, e aínda existe nos poucos fragmentos que conservamos da súa obra. E de Safo é o subtítulo que encabeza este artigo: Quero que lembres (…) os bos tempos xuntas.

A partir de Safo, podemos atopar un ronsel de poetas que cultivaron amores diversos ao longo da historia e que o reflectiron na súa obra. Como exemplo deles, está a magnífica antoloxía Campo de plumas: poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, escolma e tradución do tamén poeta Jesús Castro Yáñez, que limos e analizamos no club QUEERuña, obra sobre a que tivemos o pracer de conversar co propio Jesús Castro. Con todo, non foi a única POESÍA+ que puidemos apreciar nas lecturas do club Queeruña, por onde tamén pasaron obras de Gloria Fuertes, Andrea Nunes, ou Ismael Ramos.

E de Safo a Rosalía, pois, como descubrimos da man de Carlos Callón e o seu manifesto “O amor pola patria galega” este último 23 de febreiro, día da musa do pobo galego, “diversas formas de amar e de vivir a sexualidade (o que hoxe chamamos LGBTQ) sobardaban as censuras” nos seus versos, e vai un exemplo empregado polo propio Carlos Callón (de quen, por certo, tamén compartimos lectura QUEERuñeira).

Solo a virxe é máis hermosa
que eres ti, bendita santa,
i o teu rostro pelegrino,
o temido demo espanta.

De ti, vivo namorada,
en ti penso con fervore.
Que eu ben sei que che contenta
este puro e santo amore.

Quen poidera...! Quen poidera...!
Xunta ti vivir segura,
manantial que mel derrama
pura fonte de ternura!

Chegado o noso presente, resulta máis doado atopar poetas e poesía de afectos cuir e LGTB+, incluso aproximándonos a este recanto da Iberia onde falamos galego: xunto a quen xa amentamos, como Andrea Nunes e Ismael Ramos, podemos atopar a María Reimóndez, María Xosé Queizán (tamén xa QUEERuñeiras), Antón Lopo, Mario Regueira ou Lucía Aldao.

E se buscas expresar os teus sentimentos á túa namorada, namorade, namorado ou namoradis, sexa cal sexa a terminación dese afecto (ou desa paixón, que igual o termo afecto fícanos un algo frío), sempre podes identificarte nos versos das obras que gardamos como diamantes do aesthetic (por que non aplicar o palabro tan de moda á literatura?) nos nosos andeis.

Podes atopar +poesía con ingrediente LGTB+ na seguinte ligazón ao noso catálogo!

E que no Día da Poesía non falten a beleza e a paixón cuir e diversa, e sempre lembremos, como Safo, “os bos tempos xuntas”.