“Sangue 12”, de Cris Pavón, no Grindr

É o libro de Cris Pavón un dos poucos exemplos que podemos atopar de literatura vampírica galaica e, se ninguén o rebate, a primeira novela do tema en galego. Antes disto, Emilia Pardo Bazán escribira o relato “Vampiro” (en castelán, abofé), en 1901, e, xa en lingua galega, Castelao amenta a figura dun vampiro (cacique en vida) no relato “Un ollo de vidro” (1922). Entre a historia de Pardo Bazán e a de Cris Pavón, ambientada xa nas modernidades do século XXI, media máis dun século. Como median tamén entre as distintas páxinas de Sangue 12, que cronoloxicamente veñen e van entre o presente (primeiros anos do século XXI) ata un difuso pasado dous centos de anos atrás.

A protagonista do noso libro é unha vampira de aspecto anenado engaiolada cos efluvios da menstruación dunha rapariga, á que comeza a axexar. A partir de aí, a trama vaise enredando arredor da relación que xurde entre ambas as dúas, vampira ancorada nunha incipiente puberdade, e adolescente, e un cóctel temático no que por veces a autora pasa de puntas e por veces profunda onde nos ofrece un pouco de todo, co descubrimento da propia identidade como base principal.

Ademais dese, vanse alternando un feixe de ingredientes que ás veces non se perciben con claridade pero que permiten que a obra poida interesar a diferentes tipos de amantes da lectura e que permitirán abrir o abano de libros a matchear tras este se che gustou o que liches nel.


Características tradicionais dos vampiros.Características da protagonista de “Sangue 12”.
Pel pálida e caeiros.Só se menciona a súa pel pálida.
Consumo de sangue doutras persoas mediante a agresión física.Consumo de sangue en bolsas médicas, malia afirmar que no pasado consumíaa de forma directa das vítimas.
Descanso diurno en cadaleitos.Cóntase que “esperta” tras un longo tempo, pero que non ten necesidade biolóxica de durmir, e non aparecen cadaleitos por ningures.
Presenza dun “criado” que adoita protexer polo día ao seu “amo” coa esperanza de ser “convertido”.Presenza dunha “criada” que semella aceptar a condición da protagonista sen facer preguntas, a señora Lansbury.
Problemas coa luz do sol.Non semella ter problemas coa luz do sol.
Gran número de poderes sobrenaturais, incluída a (case) inmortalidade e non avellentamento.Posúe un só poder sobrenatural (influencia onírica) ademais da (case) inmortalidade e non avellentamento.
O vampiro só entra na casa dunha persoa se esta o convida.Malia xogar con ese estereotipo, parece que aquí o adaptan máis ao consentemento na relación sexual.
A conversión ao estado vampírico adoita ocorrer tras ser trabado por un.Non se resolve o enigma da conversión da protagonista en vampira, malia dar pistas que a vencellan con algún tipo de abuso sexual incestuoso.

Están nas páxinas de Sangue 12 , ademais da polisemia desa cifra inserida no título (12 anos, doce sabor, un sangue especial), a síndrome de Peter Pan e os abusos infantís, a menstruación como símbolo de transición e esa idade fronteiriza entre nenez e adultez que é a adolescencia, coa exploración sexual tanto no acto en si como na aceptación normalizada dunha identidade e unha orientación propias, neste caso lesbianismo, e tamén como símbolo que preconiza o avance das etapas da vida ata caer na inevitabilidade da morte, a literatura gótica e o The raven de Edgar A. Poe, co seu corvo sinistro sinalando a parte escura da vida, Nevermore, nevermore, o ano sen verán, o grand tour dos aristócratas por Europa, as guerras napoleónicas, Villa Diodati, lord Byron e Polidori e os Shelley, Frankenstein, Ada Lovelace, a máquina analítica de Babagge, o mito de Prometeo e a rebelión das máquinas, a ciencia ficción (nos pesadelos de Ada Lovelace) no limbo da fantasía (afirmada nos poderes sobrenaturais da vampira), e ata a tentación do consumo de drogas. Alguén da máis?

Con tanta diversidade temática, van aquí títulos que prenderon o pilotiño verde ao encaixar nalgunha chaveta coa devandita novela Sangue 12. Activamos o Grindr bibliotecario!

Match co vampirismo en feminino e seres sobrenaturais movéndose na ambigüidade

Match con adolescentes que exploran a súa sexualidade desde o lesbianismo

Match co ano sen verán que esporeou a creatividade no círculo de Polidori e compaña

Match con Ada Lovelace e a rebelión das máquinas

Por se estes títulos non abondasen, lembra que podes atopar máis no noso catálogo, o querido Cascarilleiro!